360 Curvas é unha longametraxe documental que explora o presente da Fonsagrada á luz dos conflitos sociais acontecidos alí nos anos 90, coñecidos como As Movidas, unha loita pioneira contra o desmantelamento de servizos no rural.
Narrada entre un onte e un hoxe non tan afastados, este é o retrato dunha comunidade que se nega a desaparecer.









A Fonsagrada é o concello máis extenso de Galicia.
No ano 1900 tiña 18.000 habitantes, tantos coma Ourense ou Vigo.
A comezos da década dos 90 tiña 7.000 mil habitantes.
Hoxe apenas chega aos 3.000.
A estrada LU-530 simboliza a distancia co habitable. As súas curvas levan o nome das persoas que naceron ou morreron alí, de camiño ao hospital. É o símbolo da marxinación, da emigración, e marca a separación cos lugares nos que se toman as decisións.
Un día, a xente da Fonsagrada colleu as pas para cambiar o seu trazado.

Os conflitos sociais coñecidos como As Movidas son un exemplo pioneiro de mobilización contra o desmantelamento agrario, a falta de servizos no rural e o éxodo de poboación. As protestas, que comezaron a finais de 1991 e continuaron nos vindeiros anos, agruparon a un pobo que se negaba a morrer porque aínda lle quedaba moito polo que loitar, polo que vivir.
O detonante do enfrontamento foi a proposta da Xunta de elaborar unha Lei de Desenvolvemento Comarcal que deixaba A Fonsagrada sen capitalidade da comarca, xunto con servizos como a Oficina de Extensión Agraria e o Servizo de Extinción de Incendios, que pasaban a depender de concellos veciños con moi malas comunicacións por estradas de montaña.











As protestas comezaron cunha folga e un peche no concello, que tivo paralizada a actividade municipal durante case dous meses, así coma unha masiva manifestación en Santiago que chegou ás portas da Xunta.
A Administración reaccionou enviando un continxente de 100 policías antidisturbios para desaloxar o consistorio con gas lacrimóxeno e pelotas de goma. Houbo detidos, pero a presión non afroxou.
Dez días despois, a Xunta anunciou que A Fonsagrada sería capital de comarca e mantería o Servizo de Extensión Agraria.

Malia esta vitoria, as mobilizacións non cesaron.
A falta de servizos viña sendo un problema xeral na zona dende a chegada da democracia: algunhas parroquias nin sequera contaban con rúas pavimentadas e numerosas estradas eran pistas forestais. A veciñanza da Fonsagrada non estaba disposta a quedar como estaba.
As Movidas continuaron nos vindeiros anos, con iniciativas como a recuperación do Museo Comarcal e a homologación do Camiño Primitivo de Santiago. Mesmo unha candidatura veciñal que gañou as eleccións municipais en 1995.

360 Curvas nace do arquivo de Manuel Fernández, fotógrafo da Fonsagrada e membro da coordinadora veciñal das protestas, que gravou coa súa cámara de vídeo os momentos fundamentais das Movidas. As súas son unhas imaxes próximas, cálidas e cheas de humanidade, ao tempo que rexistran todo un contexto que permite establecer unha narrativa propia dentro do filme.
O filme tamén amosa outros documentos cedidos por persoas que participaron nas protestas, como Ana Hernández, Nenoso Ortiz, Xosé Fernández e Juanjo Molina. Son recortes de prensa, diapositivas, documentos oficiais, pancartas, debuxos e mesmo disfraces empregados no entroido daqueles anos, cargado de reivindicacións e retranca, que é un dos sinais de identidade das Movidas.














Esta non é só unha historia do pasado. É un retrato do presente que se atreve a albiscar o porvir, como fixo o pobo que abriu aquela curva para facilitar un novo camiño.
A película achégase á Fonsagrada de hoxe: aldeas marcadas pola emigración e mocidade que intenta construír futuro, seguindo os pasos daquela xeración das Movidas. Historias como a dunha familia que vai e vén desde Bilbao; a xente nova que intenta dinamizar a comarca ou un gandeiro que estivo preso durante as protestas, e que hoxe resiste a pesar de quedar cada vez máis só.
360 Curvas establece un diálogo entre dúas épocas non tan afastadas, un xogo de espellos no que as imaxes de arquivo se reflicten nun presente tamén marcado polo abandono e a eliminación de servizos públicos fundamentais.
A idea desta carretera con curvas, xiros, idas e voltas permite artellar un retrato coral feito de vivencias, esperanzas e desenganos. Un rural sen respostas fáciles, pero cheo de dignidade, amor e unha forte identidade colectiva.

«Que a película xorda do pobo, que os directores sexan case como mediadores que se unen posteriormente ao proxecto para darlle forma á idea e que naza da recuperación do arquivo, é unha forma de reclamar tamén unha voz cinematográfica descentralizada.
Na película priorízanse as memorias veciñais, búscase o arquivo familiar en noticias ou xornais cos que se interactúa a través dos suxeitos que len, desencadeando outros recordos persoais. E, sobre todo, permítese que a memoria política do pobo sexa capaz de penetrar no íntimo da vida dos suxeitos que dan testemuño. Así, recordos de voda, bailes, celebracións e festexos, encarnan tamén a unión pola supervivencia.»
Ana Jiménez Pita

Longametraxe documental – 80 minutos
V.O. Galego (subtítulos en castelán e inglés)
Idea orixinal: Adrián Méndez Fernández, Manuel Lucas Mariño, Alejandro Gándara Porteiro, Ariadna Silva Fernández
Dirección e guión: Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández
Fotografía: Manuel Lucas Mariño
Produción: Adrián Méndez Fernández
Montaxe: Alba Domínguez Serén
Xefe de son: Xandre Táboas
Música orixinal: Manuel García Vicente e Manuel Lucas Mariño
Produción executiva: Tamara Canosa e Xacio Baño
Vídeos de arquivo: Manuel Fernández
Comunicación: Laura Fernández e Carme D Prol
Deseño gráfico e cartel: Novagarda
Cor: Leticia T. Blanco
Posprodución de son: Aitor Narcea
Supervisión e mestura de son: Javi Pato – La Panificadora
Mestura e master de BSO: Arturo Vaquero
Distribución: La Machina
Unha produción de Rebordelos





